martes, 21 de noviembre de 2017

XOGADE- CAMPO A TRAVÉS- FASE LOCAL 2017

O pasado 17 de Novembro acudimos co alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria á praia de Baltar, en Portonovo, para competir na primeira das fases do campeonato de campo a través que organiza a Xunta de Galicia. Foron máis dun millar os nenos e nenas da comarca do Salnés que puideron disfrutar desta gran festa do atletismo nun marco incomparable. En canto á carreira en sí todos os atletas do noso cole, máis de 30, amosaron a súa calidade e a súa entrega. Como resultados máis destacables cabe mencionar aos equipos alevín e infantil  femininos que conseguiron a clasificación para a seguinte fase, o campeonato provincial. A nivel individual Miguel Conde Piñeiro, de sexto B, acadou a victoria na categoría infantil masculina , polo que este  atleta tamén representará ao centro no campeonato provincial a celebrar en Xaneiro. Noraboa a todos os atletas!.

 (Pincha na foto para ver a galería completa)

jueves, 26 de octubre de 2017

COÑECE O TEU CLUB- C. B. MECO -curso 2017-18

A finais de setembro, o alumnado de 5º e 6º de Primaria tivo a oportunidade de coñecer a actividade que desenrola un dos clubs de baloncesto da nosa vila, o club baloncesto Meco. Un adestrador, e antigo alumno do noso colexio, desplazouse ata o noso centro para invitar ao alumnado a probar neste deporte aproveitando o tempo de que dispoñen polas tardes fora do horario lectivo, e de paso a dirixir unha sesión como si dun adestramento se tratase na hora de Educación Física. Aquí tedes unhas fotos destas sesións coas diferentes clases de quinto e sexto.


ADESTRAMENTOS ATLETISMO CURSO 2017-18

Xa estamos inmersos nun novo curso e nunha nova tempada de atletismo!. Na terceira semana de setembro comezaron os adestramentos para aquel alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria que, voluntariamente, desexan practicar este maravilloso deporte. Ao marxe dalgunha outra participación nalgunha carreira pola zona, a primeira gran cita de competición será o vindeiro día 17 de Novembro na fase comarcal de campo a través organizada pola Xunta de Galicia dentro do programa "Xogade". Mentras tanto aquí tedes unhas fotos de como van transcurrindo os entrenos.


     
(Preme na imaxe para ver a galería completa)

martes, 20 de junio de 2017

Coñece o teu club: CLUB AROMON-ORIENTACIÓN

O luns 19 de Xuño o alumnado de 5º e 6º de Primaria asistiu na biblioteca do centro a unha charla sobre carreiras de orientación. Un membro do club Aromon de Pontevedra desplazouse ata o  colexio para dar a coñecer este deporte e animalos a iniciarse nel co gallo dunha carreira que se vai celebrar este próximo domingo día 25 de Xuño na vila. O alumnado amosouse moi interesado por esta actividade e é previsible que sexan moitos os que participen na mesma en pequenos grupos ou ben acompañados por familiares.

                                                      



jueves, 15 de junio de 2017

BROCHE FINAL A UNHA EXCELENTE TEMPADA

O pasado 11 de Xuño disputouse en Vigo o campeonato galego de pista nas categorías de menores. A este campeonato accedían os atletas galegos coas 16 mellores marcas acadadas no ano en pista en cada unha das disciplinas e categorías. A el accederon por méritos propios 6 atletas do colexio tras unha excelente tempada de competición. Como este campeonato está aberto só a aqueles que teñen ficha federativa por un club, e despois de participar todo o ano coa licencia escolar, os nosos atletas representaron nesta ocasión ao club local de atletismo, o Club Deportivo Ría de Arousa. Partindo de que estar neste campeonato reservado aos millores xa é un premio, os nosos atletas foron máis alá e brillaron co máis granado do atletismo galego. Así ,as irmáns María e Carla Domínguez, que competían nos 3000 m. acadaron a cuarta e a quinta posición final nunha excelente carreira na que melloraron considerablemente as súas marcas persoais a pesar dos 29 grados de temperatura que pesaban no ambiente das pistas de Balaídos. Carmen Aguiño, representando nesta ocasión ao Club Corbelo, acadaba tamén a cuarta posición nos 1000 m con caída incluída no sprint final; pola súa bando Francisco Silva Hamidi, participante no 3000, tiña que abandonar despóis de acarrear problemas de saúde nos días previos; finalmente, as dúas representantes dos 2000 marcha, Raquel González e Valeria Chaves tiveron tamén un destacado papel  acadando a séptima e a undécima praza final respectivamente. Toca agora descansar para voltar en setembro coas enerxías renovadas e seguir crecendo neste apaixoante deporte.




miércoles, 14 de junio de 2017

SESIÓNS DE AEROBIC

Durante os meses de marzo, abril e maio, ocupamos algún tempo de lecer a facer aerobic coa profe Noemí. Aquí tedes un resumo en vídeo desta experiencia superdivertida.

martes, 30 de mayo de 2017

CARREIRA DO SALNÉS- PORTONOVO 2017

No mes de maio 50 nenos e nenas de 3º,4º e 5º de Primaria acudiron a participar á carreira que ano tras ano  organiza o colexio Abrente na localidade veciña de Portonovo (Sanxenxo). A xornada transcurriu nun ambiente festivo e deportivo do que os nosos nenos disfrutaron a tope. En canto a resultados, Miguel Conde conseguía a victoria na categoría alevín masculina en tanto que Candela Fontoira se facía coa medalla de bronce na mesma categoría no apartado feminino, sendo varios os atletas do colexio que acadaron tamén  postos altos nas súas respectivas carreiras. De todos os xeitos os resultados son o de menos e o realmente importante é que a participación neste evento, completamente voluntaria ao igual que todas as actividades nas que participa o centro, foi, como sempre, moi alta.

           
 (Pinchade na imaxe para ver a reportaxe completa)

COMPETICIÓNS EN PISTA

Uns 50 nenos e nenas das categorías alevín e infantil, despois da tempada invernal de campo a través, puideron disfrutar da competición en pista. Ao longo de dúas clasificatorias, disputadas entre Marzo e Abril, nas pistas do Centro de tecnificación de Pontevedra, os atletas mediron as súas forzas contra os mellores clubs da provincia, acadando marcas que lles posibilitaron a moitos deles o poder disputar os campeonatos provinciais reservados aos millores. Xa no torneo provincial os resultados foron tamén moi satisfactorios, acadando na categoría infantil tres medallas, unha de prata, a de Francisco Silva nos 3000 metros lisos, e dúas de bronce, a de Carmen Aguiño nos 1000 metros e Pamela Vidal nos 150 m. lisos. Algúns destes atletas disputarán o campeonato galego no mes de Xuño ao acadar marcas entre as millores de Galicia. Un gran ano, sen dúbida, no que os nosos xóvenes atletas disfrutaron deste apaixoante deporte.

   (Pincha na imaxe para ver a galería de fotos)

martes, 14 de marzo de 2017

CAMPEONATO GALEGO DE CAMPO A TRAVÉS- MARZO 2017

O pasado sábado 11 de marzo disputouse en Vilalba (Lugo) o campeonato autonómico de campo a través organizado pola Xunta de Galicia. A esta final acudían os dous mellores equipos de cada provincia xunto cos oito mellores atletas a nivel individual, tamén de cada provincia. O noso colexio, por segundo ano consecutivo, tiña representación nesta importante cita do campo a través. Así, Miguel Conde Piñeiro, despois de conseguir a clasificación por méritos propios a nivel individual, participaba na categoría alevín masculina acadando finalmente o posto 37 despois dunha carreira valiente na que saliu con moita decisión, pagando a medida que transcurría a proba o gran esforzo inicial. Pola súa parte, o outro representante a nivel individual, Francisco Alí Silva Hamidi, acadaba na categoría infantil masculina o posto 14º da xeral do campeonato galego, brillante resultado para este atleta nunha categoría con moito nivel. O broche de ouro poñíao o equipo infantil feminino, integrado por Carmen, Carla, María, Amanda, Pamela e Martina, o cal confirmaba o seu excelente estado de forma despois de vencer na fase local e na provincial, e acadaba o terceiro posto no campeonato galego moi preto das primeiras clasificadas. Conclúe deste magnífico  xeito a fase invernal para comezar nun par de semanas a competición na pista. Alí estaremos de novo.

(pinchade na imaxe para ver a galería de fotos)

lunes, 20 de febrero de 2017

CARREIRA SOLIDARIA en favor dos nenos e nenas de Etiopía

O venres 10 de Febreiro todo o cole correu no patio por unha boa causa. A través da participación na "XIII edición de Quilómetros de Solidariedade" da ONG "SAVE THE CHILDREN", estivemos máis preto dos cativos e cativas de Etiopía colaborando para mellorar as súas condicións de vida e o seu acceso á educación. As familias así o entenderon, e con esta actividade recaudamos a cantidade de 874,04 euros que foron destinados á labor humanitaria da organización mencionada. Desde aquí o noso agradecemento ás familias. Disfrutade agora do video da carreira.


martes, 14 de febrero de 2017

CAMPEONATO PROVINCIAL DE CAMPO A TRAVÉS- FEBREIRO 2017

O noso colexio desplazaba á cita provincial de campo a través organizada pola Xunta de Galicia , nesta ocasión a San Miguel de Oia (Vigo), a 20 atletas que conseguiran a clasificación na fase comarcal celebrada en Novembro en Portas. Na cita deste domingo todos tiveron unha moi destacada actuación, se cabe aínda máis tendo en conta que competimos como colexio fronte aos mellores clubs federados de atletismo da provincia. Así, Miguel Conde, na categoría alevín masculina , e Francisco Alí Silva, en infantil masculina, lograban colarse nas súas respectivas carreiras entre os oito mellores, o que lles daba o pase directo ao campeonato galego na categoría individual. O éxito total chegou da man do equipo infantil feminino, con Carmen, María, Carla, Amanda, Pamela e Martina, que lograban a victoria por equipos fronte aos mellores clubs da provincia, e, por elo, estarán tamén no campeonato galego por segundo ano consecutivo. Destacar tamén o sexto posto acadado por equipos tanto polo alevín feminino como polo infantil masculino. 
O campeonato galego de campo a través terá lugar a mediados do mes de marzo nun emplazamento aínda por determinar.

                       
                                           (pinchade na imaxe para ver a galería completa)